Friday 03 de May de 2024

Os primeiros estudos datan na Idade de Ferro os torques achados nas Mariñas Coruñesas


— Ambos foron entregados á Administración autonómica por un particular e atópanse en bo estado de conservación

— Os exemplares presentan as características habituais do tipo ártabro, unha tipoloxía da que só se teñen constancia de 24 unidades e que destaca polos remates en periña e decoracións de fíos enrolados e espirais

— A investigación preliminar foi feita por Xosé-Lois Armada e Carlos Otero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón, onde técnicos do CSIC están analizando os dous torques achados de xeito casual nos últimos meses nunha finca da Mariña coruñesa para coñecer a súa composición e procedencia.
Durante a súa visita, o responsable autonómico de Cultura explicou que as pezas foron entregadas á Administración autonómica por un particular e depositadas no Museo Arqueolóxico e Histórico de San Antón da Coruña, o centro de referencia para os achados localizados nesta comarca, para o seu estudo e avaliación por parte dos técnicos. Tras isto, a Xunta de Galicia levou a cabo unha prospección arqueolóxica e xeofísica na parcela co fin de comprobar si se agochaban outras pezas, pero non foron detectados nin niveis arqueolóxicos nin tampouco materiais antigos.
Román Rodríguez aproveitou a ocasión para agradecer o proceder da persoa responsable do descubrimento pola súa dilixencia que “dá unha nova oportunidade para afondar máis no noso pasado máis senlleiro e afondar na historia desta comarca”.
Hipóteses inicias
A investigación preliminar feita por Xosé-Lois Armada e Carlos Otero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, mediante análise da composición química, estudo analítico da composición do metal e observación microscópica, apunta a que os dous torques atópanse en bo estado de conservación e poderían proceder da Idade de Ferro. Ademais, a caracterización preliminar constata que ambos exemplares presentan os trazos habituais do tipo ártabro, unha tipoloxía da que só se coñecen 24 exemplos, se ben nalgúns casos a adscrición é dubidosa ao conservarse só de xeito fragmentado.

Este tipo caracterízase por posuír remates en periña e decoración de fíos enrolados nos terzos laterais, con motivos en espiral con botón central que delimitan a zona lisa. Ademais, un aspecto a destacar desta tipoloxía é que a miúdo non son de ouro macizo, senón que conteñen núcleos elaborados con metais ou aliaxes menos nobres.

Características singulares
En concreto, a primeira peza localizada ten unhas dimensións de 147×143 mm, 11 milímetros de diámetro no aro central e un peso de 390,3 gramos. Como cualidade singular deste torques, cómpre indicar que a unión co aro cos remates amosa unha pericia técnica inferior á do resto da peza o que suxire que se trata dunha reparación antiga. Ademais, os primeiros resultados suxiren o uso dun ouro cunha porcentaxe moi elevada de pureza.

En canto a segunda peza, as dimensión son de 161×38 mm, 18 de diámetro e un peso de 365 gramos. As súas características tamén son os habituais do tipo ártabro, pero cuns terminais lixeiramente distinto entre si, presentando un deles unha forma de tendencia máis amendoada. A diferenza do primeiro exemplar, nesta ocasión os investigadores puideron detectar a presenza dun metal menos nobre no interior do aro a través das lixeiras roturas e zonas de abrasión.